mércores, 11 de decembro de 2019

Programa Orienta

Hoxe compartimos o Programa Orienta para este curso 2019-2020 do CPI Curros Enríquez.

Traballarase con el nas sesións de orientación vocacional do 2º trimestre co alumnado de 3º e 4º da ESO.

Premede en: Programa Orienta




luns, 2 de decembro de 2019

Charla sobre as violencias e agresións sexuais

O 28 de Novembro o alumnado de 3º e 4º da ESO asistiron a unha charla sobre violencia e agresións sexuais organizadas polo Concello de Pazos de Borbén e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.


















A oradora, que interactuou co alumnado con preguntas, introduciu as bases culturais e sociais das violencias sexuais: 

  • A sexualización da muller no cine, banda deseñada, videoxogos... 
  • A perpetuación dunha masculinidade ancorada no pasado (homes duros, que non choran, que non comparten sentimentos...)
  • O papel definido e prexuicioso das mulleres e dos homes na sociedade: xoguetes divididos por sexo, deportes masculinizados, traballos de mulleres e traballos de homes... 
Analizou tamén as características básicas das agresións sexuais. 
E sobre todo, expuxo e abriu a porta ao alumnado para falar das accións machistas que se poden observar nun día a día dun centro educativo. 


Nos últimos datos ofrecidos dende o Ministerio de Interior indícase un repunte das violencias de xénero en adolescentes. 
Charlas de este tipo son absolutamente medulares para acabar co machismo... pero non nos pode facer esquecer que o camiño para eliminar o machismo da sociedade É A COEDUCACIÓN. 




O Mapa Mental

Hoxe traballamos, co alumnado de 6º EP, as Técnicas de estudo. Unha moi concreta: O Mapa Mental. 


Alumna de 6ºEP
Alumno de 6º EP






















Ao principio da sesión falamos dos Hábitos e as Técnicas de Estudo. Definímolas e enumeramos as súas peculiaridades. 
Son áreas conceptuais coas que o alumnado non lle gusta traballar na aula. Por ese motivo, nesta sesión, non se trataron as máis clásicas (subliñado, esquema, resumo...), senón que unha na que se traballa dende a vía visual e cinestética. Unha Técnica moi adecuada tamén para alumnado con TDAH. 

PASOS
  • Primeiramente, ensineilles un texto e un mapa mental xa realizado, para que observasen o resultado final e soubesen que era o que tiñan que facer: trasladar a información do texto a debuxos. 
  • En segundo lugar, deilles un texto a cada grupo (3 grupos de 4 integrantes). Cada alumna/o tiña un texto (un sobre a Muralla China, outro sobre o nacemento de Internet e un último sobre as pirámides Maias). 
  • En terceiro lugar, cada alumna/o leu o texto en voz baixa e coas mans nas costas, así asegurámonos de que non subliñan nin escriben nada mentras len. A LECTURA SEMPRE É O PRIMEIRO PASO DE CALQUERA TÉCNICA DE ESTUDO. 


  • En cuarto lugar, nunha folla en horizontal escribiron o título de texto no centro do folio. Rodeárono. Dese círculo sairán os debuxos de cada parágrafo. NON conectamos con raias os debuxos ao título (como se fose un esquema), porque o noso cerebro procesa as raias a través da vía lingüística (e con esta técnica queremos usar a vía visual). Polo tanto uniremos os debuxos ao título a través de espirais. Unha de cada cor. 
O resultado final

  • En quinto lugar, cada grupo (ao final os integrantes de cada grupo teñen que ter elaborado o MESMO Mapa Mental) subliñaron as palabras técnicas do texto ou as máis difíciles. 

  • En sexto lugar, cada grupo tivo que decidir cales eran as ideas máis importantes de cada parágrafo. Esas ideas trasladáronas a diversos debuxos. Algunhas palabras técnicas pódense escribir nos debuxos, xa que son difíciles de memorizar (por exemplo: o nome dos emperadores que mandaron construír a Muralla China). 
  • En último lugar, unha vez realizado O Mapa Mental, unha/un representante do grupo explicará o texto ao resto da clase. So poderá usar O Mapa Mental, o poder das imaxes fará que sexa capaz de recordar o lido no texto. Cada vez que a/o alumna/o explique unha idea (parágrafo) debe botar unha pelota no chan. De esa forma asociará a idea ao movemento e á hora de recuperar a información non so utilizará a vía visual senón que tamén a vía cinestética. 

Agora so falta que cada alumna/o aplique esta técnica de xeito individual!! 



xoves, 28 de novembro de 2019

Xogo para sesións de titoría

Hoxe comparto un xogo creado para as diferentes sesións de titoría de Secundaria, e tamén, a súa versión para Primaria.










O xogo está baseado no Party & Co. Ten as seguintes categorías:


  • MÍMICA (Tarxetas amarelas)
Elíxese unha tarxeta e unha/un alumna/o a través dos xestos debe intentar que o resto do seu grupo adiviñe a acción ou a palabra. 












  • PICTIONARY (Tarxetas verdes)
Elíxese unha tarxeta e unha/un alumna/o a través dun debuxo debe intentar que o resto do seu grupo adiviñe a acción ou a palabra.












  • TABÚ (Tarxetas azuis)
Elíxese unha tarxeta e unha/un alumna/o debe explicar a palabra seleccionada sen dicir as catro palabras prohibidas (dúas para Primaria) para que o resto do seu grupo as adiviñe. 
Tabú Secundaria
Tabú Primaria
             












  • PREGUNTA (Tarxetas brancas)
A profesora ou profesor selecciona unha Tarxeta Pregunta e lea en voz alta. Cada grupo debe acordar unha resposta e escribila nunha folla. 
Pregunta Secundaria
Pregunta Primaria













INSTRUCCIÓNS

  1. Establécense dous grupos. (Se hai moito alumnado pódense facer máis grupos). 
  2. Un grupo ao azar elixe a primeira Tarxeta. 
  3. Elíxese unha/un representante de cada grupo para realizar a proba. As Tarxetas de Mímica e Pictionary realízanas todos os grupos á vez. Dáselles 1 minuto de tempo. Quen adiviñe antes gaña 1 PUNTO. 
  4. No caso das Tarxetas Tabú a/o representante debe intentar facer todas as Tarxetas Tabú posibles en 1 minuto. Primeiro vai un grupo, despois o outro. O grupo que adiviñe máis tarxetas gaña 1 PUNTO. 
  5. No caso das Tarxetas Pregunta, a profesora ou profesor le a cuestión en voz alta e cada grupo escribe a resposta por escrito. Gaña 1 PUNTO quen acerte a pregunta. 
  6. Na seguinte quenda elixe Tarxeta o grupo que gañara o punto. Debe ser unha Tarxeta diferente á anterior. En 6 quendas téñense que ter xogado todas as categorías, e así sucesivamente. 
  7. Gaña o grupo que chegue a 20 PUNTOS. 


Con este xogo pódense afianzar todos os contidos desexables relacionados coas Habilidades Sociais (tarxetas coas palabras: empatía, autoestima, emocións...), Igualdade (tarxetas coas palabras: feminismo, machismo, violencia de xénero...), Diversidade afectivo-sexual (LGTBIQ+, homofobia, transfobia...)... ao igual que se poden fortalecer contidos curriculares de diversas materias. 

luns, 25 de novembro de 2019

25-N

Hoxe 25 de Novembro bota andar este blogue de Orientación Educativa.

Unha xornada particular pois é o 25-N: Día en contra da violencia de xénero.
Dende hai dúas semanas o alumnado do Equipo de Igualdade ("Código Diverse") estiveron colgando nos corredores, nas cortizas, nos espazos comúns... cartolinas violetas e brancas con lemas en contra da violencia machista. Hoxe, no recreo, colgámolas todas no patio formando o símbolo feminista.
No mesmo recreo, alumnas e alumnos de Código Diverse leron versos do poemario "No camiño do vento" de Sesé Mateo, muller asesinada polo terrorismo machista.
Ademais, o alumnado de 6º EP cantaron unha canción orixinal relacionada coa Igualdade de xéneros.
Por último, todo o alumnado de secundaria, os dous últimos cursos de Educación Primaria e o profesorado realizamos un minuto de silencio en homenaxe ás máis de 50 mulleres asasinadas neste 2019 aínda inacabado.





Ademais, este 25-N fíxose a presentación oficial de Código Diverse, o equipo de igualdade do CPI Curros Enríquez.